mércores, 17 de xaneiro de 2024

Setembro do 72


Mire que lle digo, don Manoel! Ben certo é que a liberdade nunha sociedade se mide sempre pola liberdade que ten o que pensa diferente, pero non o é menos que privilexiar a liberdade individual sobre a liberdade colectiva, a liberdade individual riba da xustiza social, non é máis que unha forma de xustificar os abusos dos poderosos. Dirame, don Manoel, e con razón, que moi filosófico comezo hoxe. E eu tomareillo a broma; coma sempre. E coma sempre pensarei que, malia as miñas pretensións de alegrarlle a súa visita a esta nosa taberna con algunha narración, relatorio, ou aínda ás veces (menos das que sería de desexar) brincadeira, acabo introducindo, á mantenta ou sen querer, algún proverbio, sentenza ou apotegma, que invalida, ou polo menos pon en solfa, a miña pretensión de non dar leccións a ninguén. Pero é o que ten o animal: repugnante e mexeriqueiro como boi vello que son.

E non me diga que non é para estar filosófico se temos en conta que, cincuenta anos despois das loitas de setembro do 72, non estamos moito máis preto da consecución dos nosos ideais do que estabamos entón, e que despois de tódalas vidas sacrificadas e tódolos futuros hipotecados naquel pulso ao Réxime, a clase obreira definitivamente non vai ao paraíso.

Que onde estaba eu en setembro do 72? Pois de arribada co Mar de Labrador aos peiraos da Casa MAR. Sei que foi un sábado, polo que debeu de ser o 16, case que ao final do conflito, e viñamos dunha campaña especialmente longa e frutífera en Namibia. E non; non me chamou especialmente a atención o ambiente nas dependencias da factoría nin, por suposto, o das oficinas cando subimos a entregar as documentacións para poder coller uns días de descanso na casa, que non sabe vostede don Manuel o que se move a terra que vostedes chaman firme despois de máis de medio ano na mar.

O camiño ata a casa xa foi fariña doutra muiñada! Chegando a Barreras vemos un grupo de xente na porta do estaleiro gritando consignas como «amnistía e liberdade». Antes de que dean chegado as leiteiras dos grises, a xente dispérsase e xorde un novo grupo diante de Freire. E cando os grises están chegando a Freire, a concentración está en Cardama, ou en Armada ou en Santodomingo! «O que levo perdido!»—dixen para min con admiración. E apresurei o paso para chegar canto antes á casa.

Son moitos anos os que levo celebrando a miña chegada con ben a porto amigo cun conxunto ordenado e meticuloso de actividades, que forman o meu pequeno ritual de «xa estou na casa». En primeiro lugar, teño que mergullar completamente o meu corpo en auga doce para extraer coidadosamente de todas as súas engurras e dobreces, pregas e buratos toda traza de vello sal mariño mollado de suor, de restos de combustible mal queimado e graxa lubricante. A continuación, estreo unha toalla, portuguesa, por suposto!, e seco completamente cada parte do meu corpo coa debida atención e coidado. Chega o momento de escoller, moi devagar, con agarimo, a roupa que vai cubrir ese corpo renacido na auga lustral, comezando pola estrea dunha muda interior, unha camisa branca e un pantalón coa raia ben marcada, para finalizar cos calcetíns de fío e un par de zapatos confortables e acabadiños de lustrar. Poño o reloxo, collo a carteira e as chaves da casa e xa estou en disposición de saír ata a do Mincha por ver que novidades me conta a xente.

Non necesito preguntar: toda a taberna ferve coas ansias de contarme todo o que leva pasado, empezando polas mortes de Ferrol en marzo e os conflitos de Kober en abril, o de Barreras en maio, e esta traca final que comezara de forma inocente coa negociación do convenio colectivo dos da Citroën e a súa reivindicación do sábado inglés.

—O malo, don Paio —explicoume a Sefa mentres enchía a miña cunca daquela ambrosía longo tempo anhelada—, é cando dúas partes se sentan a negociar nunha mesa e unha delas non ten respecto pola outra! E iso é o que pasa! A patronal non tiña intención de negociar ningunha mellora nas condicións dun traballo para o que tiñan milleiros de solicitudes avaladas por cacheiras, lacóns, chourizos e outras exquisiteces!

—Cartos incluídos, ben o sei! E, claro!, as cousas van a peor, que onde non hai non cómpre buscar!

—Iso é! Ti non queres darme o sábado inglés, pois eu convoco unha xornada de loita para ese sábado que non me queres dar. Ti non vés traballar o día 9, pois eu mando cartas de despedimento a cinco traballadores e abro expedinte a outros catro sindicalistas!

Aos poucos, que hai máis clientes que atender, a Sefa vaime contando o resto dos feitos. De como o seguinte luns ás seis da mañá os traballadores de Citroën concentráranse na fábrica e iniciaran unha marcha cara ás outras factorías da contorna para pedir a solidariedade dos seus traballadores. E de como repiten a mesma estratexia o seguinte día, pero desta volta xa entre cargas policiais e detencións. Cada día que pasa, o apoio social á folga vaise estendendo e estendendo, e a masa de traballadores que ha controlar a autoridade competente (máis ben incompetente) vai medrando. Segundo Sefa, que sempre está coa orella posta, aos xerifaltes do réxime preocúpanlles «certas mostras de indulxencia que algúns policías armadas dan cos manifestantes, de forma especial cos estudantes que se sumaron ás mobilizacións. Denuncian a actitude dalgúns que amagan en troques de golpear, ou golpean riba de obxectos próximos simulando facelo no lombo dos manifestantes». Eu escacho coa risa, porque a Sefa pon toda a alma na posta en escena dos golpes simulados, e comento:

—E para apagar o lume da protesta non se lles ocorre mellor cousa que traer a xente dos corpos especiais da Policía Armada dos cuarteis de León e Valladolid! É como se para extinguir un incendio trouxeras unha manda de expertos pirómanos ben armados de bidóns de gasolina!

—Non sei se beberan gasolina, como di vostede, ou algunha outra substancia, don Paio! Que me contou a Paquita, a filla do José do Troncoso, que está de oito meses, que tivo a cara dun deles a menos dunha cuarta da súa e tiña as pupilas dos ollos totalmente dilatadas!

—Miña nai! E pasoulle algo?

—Tivo sorte! Que ollaron por ela tres obreiros de Cardama que a coñecían e foron a polo policía! Salvárona da malleira, que nese estado os grises non respectaban nin cativos nin vellos, nin embarazadas nin paridas con bebés!

—Non sei como non se dan conta de que a actuación desmedida destes grupos especiais favorece a implicación das xentes do común nas reivindicacións dos traballadores en folga!

—E que eles van ao seu! Contaron que estes días, nunha carga que fixeron preto de Sindicatos na que houbo varios feridos, a policía chegou a entrar no local do sindicato vertical, e que houbo protestas porque golpearon a varios funcionarios dos seus! E a xente tenlles tanta xenreira que cando van eles protexendo a circulación dun Vitrasa a xente espera polo seguinte.

Pois sería neste intre da conversa ou en calquera outro semellante cando se achega a min, por aquilo de saudarme, o Moncho, o fillo dun vello compañeiro de mareas no Gran Sol, que traballa de soldador no estaleiro de Barreras.

—Pero de onde carallo sae vostede, don Paio, que lle teñen que explicar todo coma se non fora de Bouzas? —dime con retranca.

—Pois teño para min que do inferno, porque había por alí moita xente queimada…

—Quero entender que segue vostede na máquina do Mar de Labrador, non si? E que lle parece a que temos montada?

O Moncho está entusiasmado. Cóntame que máis e máis traballadores se unen á loita; máis e máis cidadáns pasan de ter unha actitude neutral a dirixir a súa xenreira contra os corpos represivos. Que xa hai máis de sesenta detidos e case que trinta empresas en paro, e que canto máis forte sexa a represión, mellor; mellor canto menos teña que perder a xente, que a deterioración das condicións de vida dos obreiros melloran a súa determinación na loita de clases.

—E o Comité de folga está de acordo con esa estratexia? —pregúntolle ao Moncho un pouco incrédulo— Tedes consultado a asemblea? Porque, ata onde eu sei, a cousa ía de negociar melloras alcanzables, para demostrar aos traballadores o valor da unión e a utilidade da loita polas reivindicacións da maioría.

—A clase traballadora non pode perder esta oportunidade! Que este facho que ergue Vigo hoxe sirva para marcar o camiño cara á vitoria das nosas xustas reivindicacións!

E así seguimos un bo tempo, carne de mitin e pasquín el; xerro de auga fría eu, intentando atemperar o seu entusiasmo con baños de realidade, aínda entendendo que sempre, por moi racional que se pretenda ser, calquera decisión sempre vai ter unha compoñente emocional oculta. Expoñendo el a necesidade dos dirixentes de marchar sempre por diante das masas, matizando eu que por diante si, pero non tanto que un e outro se perderan de vista. E chegando, ao pouco de falar, ao acordo arredor da necesidade de combinar a loita polos obxectivos inmediatos —o salario, o dereito ao descanso, o traballo, a vivenda…—, coa convicción de ser loitadores por outro mundo distinto, por outra sociedade máis xusta que o capitalismo.

Un ollo no paso curto para superar os obstáculos, pero a mirada no futuro, para non perderse no camiño, para non esquecer onde queremos ir.

Marchamos cada un para a nosa casa moi contentos e satisfeitos de sermos capaces de chegar a puntos de encontro. Ao día seguinte saio dar unha volta polo mercado, por ver de comprar un pouco peixe e, sobre todo, falar coa xente, que o mercado de abastos é un bo termómetro do estado de saúde da economía das familias. E teña por certo, don Manoel, que o seu aspecto non era precisamente para botar foguetes! Malia que a nosa terra teña unha clase obreira que non abandonou a súa pequena horta, cunhas galiñas e algún coello, que poden servir como mínima caixa de resistencia, un conflito tan longo no tempo e amplo na extensión acaba coas posibilidades de resistencia das familias en poucos días. E cando os nenos choran coa fame, a vontade de seguir comeza a esmorecer. A parte máis concienciada dos traballadores conservará por máis tempo a súa vontade de resistir, pero o que realmente importa nestes casos é a opinión do traballador normal! E cando as empresas fan un chamamento para que os obreiros renoven a súa actividade, baixo ameazas de enviar cinco mil cartas de despedimento, a Asemblea Obreira entende que a prioridade neste intre pasa a ser a de saber rematar a folga sen deixarse o futuro do movemento obreiro asembleario e democrático nese proceso.

E mire que lle digo, don Manoel! Aínda que, como dicía Aldous Huxley, a única lección que nos ensina a historia é que os seres humanos non aprendemos nada das leccións da historia, si que é certo que aqueles días marcaron un fito importante no desenvolvemento do movemento obreiro. Algúns estiveron alí, superaron o medo e loitaron polo que consideraban xusto. Outros non tiveron a oportunidade, ou non superaron o medo ás consecuencias, ou non tiveron claro que a folga xeral fora o mellor método. Outros chegamos tarde e marchamos cedo. Quixeramos ter loitado pero non tivemos a oportunidade. E moitos outros estiveron dende a solidariedade, dende o apoio activo ás familias dos represaliados. Pero o que é tan seguro coma que a ningún can engorda o lamber, é que a cidade que saíu deses días que hoxe lembramos non foi nunca máis a mesma. Vigo foi daquela, ademais dunha cidade de moitos habitantes, unha cidade de moitos cidadáns.

(Publicado orixinalmente no libro colectivo "50 aniversario folga xeral 1972" editado pola UC das CCOO de Vigo)

sábado, 17 de xuño de 2023

Novas vos traio!


 Benqueridos lectores deste blogue[1]:

O día nove do mes de decembro do pasado ano 2022 publiquei o que pretendía que fora a derradeira entrada das reflexións do meu vello mariñeiro “con moita mar nos ollos” coñecido por todos vos como «Mirequelledigo».

A razón non era outra que a de concentrarme nas correccións necesarias para a publicación en papel da terceira entrega dos contos que foron vendo a luz nesta páxina dende a publicación do volume anterior: «A taberna do Mincha».

Eu cumprín de sobras o meu compromiso e textos —coa impagable colaboración de Begoña Méndez «Pico»— e ilustracións chegaron nos prazos acordados á editorial. Todo semellaba marchar acorde cos tempos programados.

Outra COVID, como pasara coa «A taberna do Mincha» non era de agardar. Pero tampouco era necesaria: avatares de todo tipo foron adiando unha presentación que estaba preparada para o 28 de abril e que hoxe, 17 de xuño, aínda non podemos poñer data concreta.

Hoxe, ben de mañanciña, me sorprende unha mensaxe e comprobo que o blogue contiña vivo, respirando no alento dos seus lectores. E soamente quería darvos as grazas e pedirvos que exercitedes a virtude da paciencia: saír, sairá! Cando? Poderemos lelo tendidos ao sol baixo dunha antuca, cunha cunca de monterrei ben frío na man. Oxalá!

Unha forte aperta!



[1] A RAG indica que os termos admitidos para designar unha “Páxina web, xeralmente de carácter persoal, cunha estrutura cronolóxica que se actualiza regularmente e que presenta información ou opinións” é blog ou bitácora. O termo orixinal, weblog é unha contracción de "World Wide Web log", é dicir, rexistro/diario (log) da tea de araña mundial, pero como xa parecía longo de máis quedouse en blog. Supoño que isto non gustou nada de nada ós académicos da lingua que, nun alarde de ignorancia mariñeira suxeriron o emprego da alternativa «bitácora» para designar tal páxina, confundindo o caderno de rexistro onde anótanse todos os feitos ocorridos durante a garda de navegación, cando os buques carecían de ponte de mando cuberto —o «caderno de bitácora»— co moble onde se gardaba tal caderno.

A bitácora, pois, non é unha páxina web de carácter persoal senón «un instrumento que se fixaba á cuberta das embarcacións, preto do temón, para facilitar a navegación en océanos descoñecidos. Trátase dun moble fixado con parafusos no teito da ponte dunha embarcación que contén un compás magnético, suxeito mediante suspensión cardán a fin de contrarrestar o sincronismo transversal e lonxitudinal do buque. No seu exterior leva a denominada liña de fe que debe estar aliñada co centro do buque ou liña de renxía. No seu interior colócanse imáns para contrarrestar o campo magnético terrestre. Nos costados do cubichete, hai dúas esferas de ferro doce, para anular o desvío producido polo ferro do propio buque e facer uniforme o campo magnético que rodea á agulla náutica con obxecto de lograr que, en todo momento, sinale o norte magnético».

venres, 9 de decembro de 2022

Onde estabas ti o 10 de marzo de 1972?


Escoite e verá don Paio! Estaba eu, —lémbrome ben!— en ASTANO, na máquina dun petroleiro da GULF, “La Niña”, que daquela estaba atracado nun dos peiraos de armamento do citado estaleiro.

Eses anos era eu o responsable do Departamento Naval dunha Empresa de electricidade. O meu traballo tiña unha compoñente técnico-comercial de asesoría de produto, e unha complementaria de postas en marcha e resolución de problemas. Subir pola escada real ata a cuberta daquel mostro dos mares e logo baixar ata a máquina era toda unha fazaña ata para os meus 25 anos. Menos mal que a resolución da avaría foi ben doada e non pasaran nin dez minutos cando xa estabamos de novo subindo á cuberta.

De súpeto ven ata nos un “casco branco” —así se lles chamaba daquela aos enxeñeiros e mandos— cun ataque de nervios, exixindo que abandonáramos o buque. Un milleiro de banzos de escada despois estamos no peirao con o responsable de electricidade do buque recomendándome que collera o meu coche e marchara de volta para Vigo antes de que a Mariña desembarcara en Astano. Cando as noticias do sucedido en Ferrol transcenderon eu dixen para min: eu estiven alí!

E estes días asistindo á proxección en Vigo da estupenda película «10 de marzo» de Roi Cagiao e o seu equipo de Arthur Gordon, cando vexo na pantalla a Suso Díaz contando —evidentemente desde outra perspectiva— os sucesos daquel día, coa ameaza das dúas patrulleiras da Mariña, revivo aquel funesto e glorioso 10 de marzo e repito para min mesmo: eu estiven alí! Non estiven como protagonista, nin coma actor con diálogo, nin sen el; nin tan sequera como figurante facendo vulto nunha manifestación. Estiven —estou aínda— aí, soamente formando parte da miña clase, desa clase traballadora, protagonista por unha vez da súa propia historia.

domingo, 2 de outubro de 2022

Botar margaritas aos porcos!


 Mire que lle digo, don Manoel! Que ben sei que asístelle moita e moitas razóns para lamentarse da pouca atención que as súas ben argumentadas exposicións obteñen, as máis das veces, dos seus interlocutores, que oen pero non escoitan. E acredito o motivado das súas queixas, que aínda a pasada semana tiven a ocasión de presenciar como o noso amigo Antonio, o da asesoría, deixaba de atender á resposta a súa pregunta de como podía facer para pagar menos no recibo da luz en canto empezou vostede a intentar explicarlle as diferencias entre os quilovatios e os quilovatios hora!

Coñezo ben esa sensación, don Manoel, que eu tamén chamaba estar a botar margaritas aos porcos! E digo chamaba porque para a miña vergoña a derradeira vez que tal cousa dixen estaba canda min don Evaristo, o catedrático de grego do Instituto, que explicoume, moi polo miúdo, que o das margaritas ten a súa orixe nunha cita bíblica mal traducida do grego ao castelán. A palabra orixinal grega é margaron, que non se traduce por margarida senón por perla! “Non botedes as vosas perlas aos porcos, non sexa que as chafen cos pezuños”, non desperdiciedes ás vosas prédicas en persoas que non o merecen!

Disque “Cereixas e mentiras, unhas das outras tiran” pero non menos certa é a sentenza aplicada aos contos, narracións e temas de conversa. E como tantas veces dixen o monterrei é un bo combustible para o motor do palique, e coa Fina coidando que as cuncas nunca estiveran baleiras e don Evaristo no uso da palabra, tiñamos por diante un bo tempo de desfrute.

Moitas cousas contounos aquel serán don Evaristo. Tantas que hoxe, por non ser enfastioso, soamente hei de recoller un poema dun fabulista romano da época de Tiberio, de nome Caio Xulio Fedro, que puxo en versos latinos a Esopo, e que memoricei, parvo de min!, pensando que sería quen de engaiolar a algún dos profesores da ETRAD con talento abondo para levar adiante a ardua tarefa de poñerlle música.

Leva por nome Pullus ad margaritam, e di así:

In sterquilino pullus gallinaceus

dum quaerit escam, margaritam repperit.

“Iaces indigno quanta res inquit loco!

Hoc si quis pretii cupidus vidisset tui,

olim redisses ad splendorem pristinum.

Ego quod te inveni, potior cui multo est cibus,

nec tibi prodesse nec mihi quicquam potest.”

Hoc illis narro, qui me non intellegunt.

O que traducido ao galego, quen dicir aproximadamente:

Un pito atopou unha perla,

cando buscaba comida nun curral. Díxolle entón:

"Co valiosa que es, xaces abandonada nun lugar indigno!

Se che descubrise alguén desexoso de ti,

xa hai tempo que regresaras ao teu antigo esplendor.

Pero, ao atoparche eu, para quen ten moito máis valor a comida,

nin a ti nin á min pódenos servir de nada o achado."

E mire que lle digo don Manoel. E remata o poema co seguinte verso:

Conto esta fábula  para aqueles que non me entenden.

O que val tanto como dicir: O que se pica, allos mastiga!

mércores, 28 de setembro de 2022

De Corme ou de Coristanco?


 (Fala Laura)

Eu tomei conciencia da miña existencia na aldea de Corme, pero segundo souben anos despois, abrín os ollos á vida na casa duns parentes do avó Manrique na parroquia de san Paio de Coristanco, razón pola que, polo menos en parte, se me pode aplicar aquela cantiga que di:

Eu nacín en Coristanco

En Corme amores tomei

Casei logo en Ardaña

En Noicela enviuvei.

Con todo, concibir, no sentido de formar o embrión dun novo ser, seica o fun nalgunha das praias dos arredores de Bouzas, mais escondida que a do Adro aos inquisidores ollos das xentes de ben, que nunca faltan para escandalizarse oportunamente.

A miña nai Ascensión decidira afastarse da confraría do Cristo dos Aflixidos e do seu alcatreo a cirios revellidos, a ouriños resecos, a vetustos suores, rancias pestilencias riba das que o incenso non prevalece; deixar dunha vez por todas aquel antro de intolerancia, gorida de vellos voitres ateigados de podremia e falsa santidade, rachando con todas as convencións que ata ese momento aferrollaran os seus nocellos para abrirse á unha vida sen freos.

Que mellor iríalle de ter conservado algún! Que “sen freos e rodando, a saia vaise elevando” e o lume de moitas abstinencias non necesitaba de moito cortexo para acenderse. Que foi na primavera, mes no que as flores agroman, cando deixou atrás o séquito dás vellas lurpias, e na segunda fin de semana dun mes de xullo, na romaría de Santa Baia de Alcabre, cando sucederon os feitos que deron o resultado, non procurado por ningún dos dous participantes, que estoulle a relatar.

Disque meu pai era o fillo menor dunha das grandes familias de Bouzas, pero iso nunca o saberei de certo. O que si que o é, e tal recollen máis dunha testemuña, e que, como o avó nunca foi dos de “vale máis lambendo que mordendo”, entre os proxenitores dunha e doutro houbo algo máis que palabras, e que se non chegou máis alá do primeiro sangue non foi por falla de arrestos do avó Manrique, senón pola oficiosa intervención dalgunhas xentes do Liceo que, con boa intención e propósito, separaron aos contendentes.

Foi daquela que o avó, convencido pola forza dos feitos de que nin o malfeitor cumpriría coa súa obriga, nin os seus pais o forzarían a facelo, artellou levar a súa filla pequena o máis lonxe posible de Bouzas, a un lugar onde ninguén a coñecera, para que cando a medra de volume da súa barriga se fixera evidente, non dera pábulo as rexoubas das moitas lingoreteiras que na vila había. Recordou entón que tiña un primo da súa mesma idade e moi achegado nos afectos, o Damián, co que navegara nun palangreiro de altura que andaba a pescada, ata o día no que cada cal deles colleu amores nun porto distinto, mocearon, galantearon e casaron, o avó cunha boucense e o Damián cunha bergantiñá.

Afortunadamente o avó era persoa ordenada e encontrou doadamente o enderezo do Damián, ao que, por man da súa filla Ascensión, escribiulle unha larga carta contándolle a desgraza, en forma de fillo non recoñecido, que lle aflixía. Carta que, como Damián era tamén analfabeto, encargoulle ao seu fillo Martiño que puxera en viva voz o que querían dicir aquelas “formigas de tinta aliñadas nun papel que mandara o seu primo Manrique”.

Debeu ser cousa de ver a cara do Martiño ao ir debullando nas follas da carta as reviravoltas da proposta! Porque, casualidades da vida!, o Martiño estaba casado cunha rapaza de moi bo ver e da que estaba moi namorado, pero da que non era quen de obter o agasallo que máis desexaban os dous na vida: un fillo.

Preñar si que preñaba; pero ao mes, ou todo o máis dous, todo o construído con tantos traballos íase polas pernas abaixo! Así que, grazas á proposta que aqueles papeis contiñan todo cadraba! O fillo inconveniente da súa curmá Ascensión ía ser o largamente procurado por eles!

Decontado deseñaron os chanzos da estratexia concreta a aplicar. As dúas mulleres irían xuntas a un lugar onde ninguén as coñecía, á casa da avoa María, a nai de Damián,  en Coristanco. Alí pasarían ás dúas os meses do embarazo, real en Ascensión, finxido en Xulia, para volver a Corme poucos días despois do parto, Ascensión, a miña nai real, ceibe do seu erro, e Xulia, a miña nai finxida, comigo nos brazos para bautizarme na igrexa de Nosa Señora dos Remedios e inscribirme no rexistro civil como a filla lexítima de Xulia Castrexo e Martiño Infesta, os que pensei que eran meus pais ata a morte de Ascensión.

Lémbrase don Paio cando nos miramos no cemiterio de Bouzas? Andabamos cada un de nós profundamente somerxidos no océano dos nosos pensamentos, alleos á realidade exterior como se a mirásemos por un escafandro de mergullador. Vostede, aparentemente entretido lendo nomes e epitafios nas lápidas, para non pensar na brutal realidade do refrán que di que “máis veces un amigo é un irmán que un irmán un amigo”, e “viño e vinagre irmáns son: un vai á misa e o outro, non”. Eu aínda demasiado estragada polo que a miña nai Xulia revelárame ao recibir o telegrama coa nova da morte da tía Ascensión, intentaba dirixir o meus pensamentos ás semellanzas e diferenzas entre os meus dous pobos, Corme e Bouzas. Dous Corme, Corme-Porto e Corme-Aldea separados non só por dous quilómetros de camiño senón pola actividade, agropecuaria no Corme orixinal e pesqueira no seu apéndice mariño onde viviamos nos. E dous Bouzas. A gran vila mariñeira, deitada a rentes do mar, e o “Bouzas de arriba” de campesiños e labregos onde está o cemiterio!

Eu ben que o vin don Paio! E sei que vostede tamén decatouse da miña presenza! Pero tanto e tan mal me falaran de vostede, da súa militancia nos exércitos do diaño, tanto pesou en min a actitude da miña verdadeira nai coa súa, negándolle a axuda cando máis o necesitaba, que collín medo. Collín medo e acubilleime coma un fureliño detrás dun alcipreste e, coma vostede, non agardei polos borboriñares do crego, que tampouco son eu ovella dese rabaño.

Foi tempo abondo despois cando os ventos propicios o levaron ata o meu posto, que era a da miña nai Ascensión, tiven o gusto de venderlle uns escarapotes que serviron para facer, ademais dun pastel, esta xuntanza pola que levo devecendo desde que cheguei a esta a miña segunda terra de Bouzas.

Disque “tempo, vento, muller e fortuna, axiña se mudan”. Eu dos outros tres non podo acreditar tal, pero desta muller que ten aquí diante non agarde mudanza, que vaime ter agarimosamente á súa beira cada vez que o necesite.

A folla da ulmeira vira,

pero eu non hei de virar.

A folla deixou ao olmo,

eu a ti non che hei deixar.

sábado, 17 de setembro de 2022

De escarapotes, fanecas bravas e cabrachos.


Mire que lle digo don Manoel! Non sei se era don Alberte Einstein ou algún outro físico desas sapiencias o que afirmaba con precisión científica que “nada viaxa a maior velocidade que a luz coa excepción das malas noticias”. E malia que, como xa lle dixera antonte, eu non volvera a ter relación ningunha coa miña tía Ascensión dende aquel día no que fun pedirlle axuda para coidar á miña nai cando o cancro manifestouse nela en toda a súa maldade, non faltaron voluntarios a eito para traer a nova da súa morte ao meu coñecemento, aínda antes de que puidera poñer o pé na amura do bou para saltar a terra.

“Castigo de Dios!” Cuspira a tía Ascensión cando pedinlle que coidara da súa irmá enferma de cancro. “Non hai tal dios nin tal castigo”, respondera eu. E agora chegáralle a ela a súa quenda, con outro cancro distinto pero tamén con resultado de morte. Cancro que, como é evidente, a miña nai non lle contaxiara como ela temía, pois non só, nin un só día pasou pola nosa casa nos longos meses de agonía que Peregrina e máis eu sufrimos e gozamos xuntos ata chegar a estar máis preto da miña nai do que nunca estiven nin estarei na vida de persoa ningunha, nin o cancro é enfermidade contaxiosa. “Contaxiosa é a maldade!”, dixéralle eu daquela.

Camiñar é “a primeira cousa que un neno quere facer e a última que un vello quere deixar”. É un eficaz tranquilizante e un lecer que non custa nin un céntimo. As avesas que os medios de transporte convencionais non contamina, consome poucos recursos naturais e é altamente eficiente. O camiñar tamén é conveniente porque axuda a pensar. É como se mover os pes fixera mover tamén o corazón e os pulmóns, e toda esta actividade chamara polo pensamento. E no meu caso a camiñada dende o peirao da casa MAR ata Bouzas foi para min unha boa ocasión para remoer no meu peito o carro dos sentimentos ata ser quen de escoller o camiño do comportamento correcto.

Ata o intre no que souben da súa morte física non me decatara da continuidade da súa existencia. Para min a tía Ascensión morrera aquel negro día no que negou a axuda á súa irmá. E agora a nova do seu óbito axitaba no meu corazón a pantasma da súa existencia, obrigándome a pensar cal debera ser o meu comportamento. Non o que a vila agardaba de min senón o que eu agardaba de min mesmo; cal era o comportamento máis acorde cos valores éticos cos que estaba firmemente comprometido. E a camiñada era unha boa forma de enfrontar a primeira vaga de carraxe, esa torpe vinganza de “chegou a túa quenda” e, navegala con xeito como cando vai mala mar, orzando un pouco cando se sobe pola crista, para logo apoiar ao descender no punto máis baixo da onda, esquecendo conscientemente o sucedido e botar o rancor ao faiado das cousas inútiles.

Largo sería, don Manoel, facer relación detallada de tódalas reviravoltas polas que o meu pensamento pasou ata chegares á conclusión de que, malia a todo o sucedido, debía estar no enterro. Ascensión fora a irmá da miña nai, e coma ela gustaba de repetir, o sangue é máis espeso que a auga. Por suposto que soamente ao cemiterio, que ben sabe vostede que ás únicas cerimonias relixiosas nas que me pode atopar son as báquicas, e nesas soamente pola compañía e a boa conversación.

Cando chegou a comitiva á porta do cemiterio de Bouzas xa estaba eu no espazo onde ían darlle terra á miña tía. E non madrugara para aproveitar a render visita aos meus parentes defuntos, que os que tal homenaxe merecían estaban moi lonxe de alí. Xuntiños para sempre naquel lugar secreto onde levamos primeiro o cadáver do meu pai no carro do argazo dos Comesaña, e moitos anos despois as cinzas da miña nai para que agarden xuntos o soñado día no que os homes cheguen a ser irmáns.

Nestas estaba, sen outra cousa máis útil que facer que ler os nomes e epitafios escritos nas lápidas funerarias, cando chamoume a atención a presenza dunha muller nova, vestida de negro e cun pano na cabeza que tiña todo o aspecto de estar nos mesmos afáns ca min. Non sei se o que lle conto é lembranza real ou invención posterior, pero estou por xurar que vin a unha muller que non fun quen de recoñecer observando a tumba da tía dende un lugar moi semellante ao meu, e intentando coma min mesmo non chamar moito a atención. E que, coma eu, estivo no seu lugar ata que lle deron terra ao cadaleito, e non quedou a escoitar os rezos, pregarias e ladaíñas do crego, ao mellor por pensar coma min que dos curas e do vento mellor a sotavento. Pasou o día, volvín ao mar, e non pensei máis no acontecido.

Foi tempo abondo despois cando, por non atopar o peixe que apetecía no posto onde facía normalmente a compra, fun a dar ao da tía Ascensión, onde me atendeu unha rapariga cuxa cara se me facía estrañamente coñecida.

      Bo día teña vostede. A como ten o escarapote?

      Bo día o teña vostede tamén. Supoño que non fala da faneca brava ...

      Por suposto! Sei que hai xente que chama escarapote ao peixe araña, pero soamente os que non miraron xuntos a un e outro peixe. Eu falo do peixe que no norte chaman cabracho.

      E logo? Non irá facer un pastel?

      Vou!

      Pois vai ter traballar arreo porque son pezas pequenas...

      Mellor! Máis saborosas serán!

      Chégalle cun quilo? Pois léveas, que polo prezo non haberá disputa!

      Lévoas logo! E xa me dirás que te dou...

      Pois vostede verá, don Paio! Darme pode darme as grazas; ou moito mellor, e se non lle resulta embarazoso, un bico e unha forte aperta. Porque vostede nono sabe pero Laura é o meu nome e son a filla da súa tía Asunción. Vostede e máis eu somos curmáns.

Quedei pampo! Logo aquela sensación de familiaridade tiña fondas raigañas! Pasado o primeiro intre de pasmo dinlle de moi boa gana os bicos e apertas demandadas. E tiven que recoñecerme a min mesmo que a noticia non me sorprendera tanto como debera, seguramente porque no meu inconsciente sempre souben que a vida da tía Ascensión agachaba un segredo que impedíalle perdoar aos demais as cousas que ela non era capaz de perdoarse a se mesma.

A mire que lle digo don Manoel! Collín o meu peixe e marchei a casa. Tiven tempo para poñer a auga a ferver nunha cazola para facer un caldo cunha cenoria, un allo porro, unha cebola enteira, sal, pementa, unhas follas de loureiro, un pouco de aceite de oliva e un pouco de viño branco. Quince minutos chega, don Manoel; e logo no caldo coado e aínda quente engadir o escarapote e deixalo cocer outros 15 minutos. E ata me deu tempo de limpalo de pel e espiñas e esfaragullalo coidadosamente antes de saíres para o Buraquiño, onde quedara citado coa Laura cando pechara o seu posto, un pouco máis a salvo de olladas curiosas que na Taberna do Mincha.

O merlo canta na rama,

o peixe nada no mar,

o que vai camiño adiante:

que ha facer senón cantar?

 

luns, 29 de agosto de 2022

A tía Asunción (e 3)


Mire que lle digo don Manoel! Disque, non sei se froito do viño ou da carraxe, onte arrinqueime a falar coma quen baila sen son, e acabei perdendo o fío do que realmente quería relatar, que non era a historia da miña nai senón a da miña tía Asunción. Sei que vostede me perdoará estes desamaños meus, cada vez máis frecuentes, pero xa sabe que cando as lembranzas levan moito tempo refreadas, acoden á boca en enxurrada e toman elas o control da historia a contar.

Se non recordo mal deixei a historia co da patela de peixe que os mariñeiros do sindicato trouxéranlle á miña nai. A patela que abriulle o camiño da nova profesión que de alí en adiante aseguraríanos a mantenza: a de vendedora ambulante de peixe polas portas! E como xa lle contara, as casas das grandes familias de Bouzas, que antes lle pecharan a porta para traballar, devecían agora por recibir por elas, aínda que fora pola de servizo, o peixe que ela vendía.

Na casa dos avós todos estes acontecementos se viviron dunha forma moi distinta. A avoa Ascensión ao quedar sen a axuda da súa filla maior tivo que asumir tódalas tarefas da casa, cousa á que nunca estivera afeita, e que a ben seguro excedía con moito das súas capacidades. E se a súa primeira intención foi o facer valer a súa autoridade materna para intentar facer coa filla pequena o que fixera con éxito coa maior, deseguido decatouse que esta súa Asunción estaba feita da mesma pasta que ela mesma, e que era daquelas que tiña por norma de conducta aquelo que di que contra o vicio de pedir hai a virtude de non dar.

Visto o visto e comprobadas ás súas consecuencias de todo orde, o avó Fadrique non tivo outra que apearse da mula e contratar a Esperanza, unha rapaciña moi espelida de San Paio de Navia, para levar as tarefas da casa que a marcha da súa filla Peregrina deixara ben ás claras quen asumía. Tal comprobación supuxo para o avó Fadrique un golpe moito máis forte do que estaba disposto a admitir. De feito non lle serviu de nada. Nin para tentar amañar as relacións coa súa filla, nin para evitar o deterioro das que aínda conservaba cos seus fillos, os xemelgos Xaime e Xacobe, así que un día, cántara que moitas veces vai á fonte ou deixa no camiño a asa ou a fronte, o avó Fadrique ornea unha vez máis a súa propia sentenza:

      Pois se non estades a gusto nesta casa xa sabedes onde está a porta.

E os xemelgos toman o portante e marchan a Arxentina, fartos de aturar ao seu pai, e teño para min que tamén en boa medida avisados da ameaza de treboada que o trunfo da Fronte Popular supuxo no horizonte inmediato para a xente de boa vontade.

Pero, mire que lle digo don Manoel! Este mesmo carácter de casca de sobreira do meu avó, que tantos desgustos proporcionoulle, non deixou de ter os seus aspectos de grandeza! Souben moitos anos despois que cando os asasinos fascistas andaban polo pobo a procura do meu pai, visitaran a casa dos avós, por se estivera agachado nela. O avó Fadrique saíra á porta e, sen deixalos entrar na casa, escorrentounos con os seus habituais malos modos, espetándolle con voz alta e baril ao ben coñecido falanxista que os mandaba:

      Erasmo! Faime o favor de levarche de aos teus cans da porta de miña casa, que se segues a importunar aínda vas a atopar a alguén na vila que non che ten medo ningún!

Un deles, o mais noviño da partida, rufo e farfallán por demais, intentara tirar do ferro que levaba ao cinto, pero da labazada que lle caeu do aludido Erasmo sacáronselle as ganas de repente! As ganas e teño para min que un par de dentes!

Certo, certo don Manoel! E a tía Asunción? Que foi da tía que da nome a estas historias? Pois que quere que lle conte don Manoel! Por moito que todo ao seu redor mudara, obstinada en vivir sen mudanza no seu mundo de aparencia, no seu mundo quimérico onde nada malo é posible, onde no hai nada feo, onde a brutal realidade non ten cabida, allea por completo ao que sucede ao outro lado do espello!

A tía Asunción foi ata que morreu unha especie de Peter Pan feminina, inmatura e refractaria a calquera compromiso que vaia mais aló de pensar que vestido poñer ou que zapatos elixir, sen máis contacto coa realidade que o de pescudar se chove ou venta, o se vai frío ou calor. A nai, ao non obrigarlle a asumir nin a máis pequena responsabilidade fixo dela unha incapaz. Asunción preguntaba cada día que había para xantar, pensando sempre que alguén se ocuparía de tomar tal decisión, facer a compra do necesario, e obte-los cartos para pagalo. E tamén alguén preparalo, servilo, recoller os pratos da mesa, lavalos, secalos e poñelos de novo no alzadeiro, que ela con queixarse das moitas espinas que ten un peixe xa cumpría coa súa parte das tarefas do fogar!

Felices os que se deitan

sen ansias nas que pensar,

érguense porque espertan

e saben que han de almorzar

Se, como dixera, a tía Asunción era refractaria a calquera compromiso tampouco ía ter outra actitude diferente no que as cousas da relixión fai conta. Cumprir co domingo e demais festas de precepto si, “sine dominico non possumus”, pero máis polo que ten de exhibición de galas, adobíos e enfeites que por devoción; pero do resto pouco, moi pouco máis. Así que resumindo, a tía Asunción católica si que era; apostólica pouco;  e romana tanto como a da tenda de froita. Pero cando naquel malfadado verán do trinta e seis comezaron as detencións, as fuxidas ao monte e os cadáveres nas cunetas, e a miña nai Peregrina cuspiulle na cara ao Padre Parada o seu desprezo por aquela relixión tan oposta nos feitos ás ensinanzas do Cristo que veneraban na cruz, a tía Asunción considerou que o tempo de ocupar o baleiro deixado na Congregación do Cristo dos Aflixidos pola deserción da súa irmá “dona perfecta” era chegado. Aínda que facendo xustiza aos feitos debo engadir que, se ben é verdade que nun primeiro intre a beatería foi un bo abeiro baixo o que que agachar ás súas frustracións, Asunción decatouse deseguida, sen mais que botar unha ollada ao seu redor, que aquela congregación de cirios acesos que non eran quen de rachar as tebras e rancias pestilencias riba das que o incenso non prevalecía, resultaba unha vía morta para as súas ansias de vivir.

Un día, debeu de ser alá polos anos cincuenta, porque andaba eu embarcado nalgún dos meus primeiros bous de altura, cando ao chegar a Bouzas dunha daquelas esgotadoras mareas contoume a miña nai, así de vagariño como xuntanza de carpinteiros, da morte da súa nai Ascensión e de como a súa irmá pequena, coa necesaria complicidade do seu pai, non a deixara entrar no velorio, que ao funeral xa nin fixera mentes de ir.

      Igual pensaba que ía reclamar a miña parte da herdanza!—alporizábase a miña nai—Por min que a coma toda ela! Se vai ser ela a que vai a continuar no fogar e coidar de padre, xusto é! Que os maiores tivemos xa o noso tempo e a nosa oportunidade de provernos por nos mesmos.

      E mire que lle digo miña nai: que foi da Andoriña que non a mirei atracada no peirao?

      O avó pechou a casa e seica a ten a venda. Disque marcharon a Malpica de Bergantiños a iniciar unha nova vida, que non sei se sabes que temos parentes pola bisbarra.

Nada máis me contou a miña nai das razóns e circunstancias da marcha da familia cara a litorais moito máis batidos polo mar, pero ao dia seguinte atopei na rúa á Esperanza, a rapariga que servira na casa dos avós. Saudámonos e eu pregunteille pola súa vida. Como imaxinaba non custoulle moito volver a coller casa onde servir, porque era boa traballadora e muller de toda confianza. De tal confianza que custoume ferro e fariña conseguir que me contara algo dos acontecementos que provocaron á marcha da familia a destino tan afastado. Despois de moitas protestas de que ela non é ningunha lingoreteira, cousa que ben sabía eu, atreveuse a confesarme que pensaba que a razón non era outra que o feito de que á tía Ascensión a deixara o noivo, un señorito lambido con aires de figurino, dunha das familias da burguesía ilustrada viguesa. E que para máis humillación a deixara sen explicación ningunha, sen dar a cara, “que nin home abondo era para tal cousa. Que estaba a miña probe— tal dixo— toda composta e emperiquitada agardando que viñera o noivo a buscala para ir a casa dos seus pais para facer oficial a súa relación, horas e horas como na película aquela! Sen dar chío, sen deixar escapar nin unha bágoa que puidera refrescar o oprobio das súas meixelas!” E que, don Manoel, como ben se pode deducir, a Esperanza era moi afeccionada ás novelas románticas.

Moitos anos e moitas mareas despois souben, demasiado tarde por suposto, da morte do meu avó Fadrique e da volta á Bouzas da tía Ascensión. Daquela a miña familia, coa axuda de todos, xa conseguira montarlle o posto de peixe no Mercado de Bouzas á miña nai, que xa estaba maior para andar de vendedora ambulante polas portas, e ben se sabe que “a venta do pescado, faise no mercado”. E podo dicir con xustificado orgullo que a miña nai tiña unha enorme habelencia para moitos oficios, pero o de peixeira o levaba no sangue! Tal era o seu arte para ter sempre o mellor produto que moitos clientes levábanlle o peixe máis caro do que poderían compralo nalgún outro posto do mercado pola seguridade na calidade do produto, o sempre acertado consello, e as receitas enxebres para a súa preparación, e, por que non dicilo?, o pracer de relear unha miguiña cunha das mestras do oficio.

E que dirá vostede que fixo a tía Ascensión cando chegou a Bouzas? Pois coma María Cortizas, canto ves, canto cobizas, un posto de peixe no Mercado Municipal de Bouzas! Un pouco apartado do da súa irmán, que tampouco ousa moita veciñanza, pero con vista abondo como para poder controlar quen compra e que compra, como se aquela información fora a servirlle para mellorar ás súas ventas, que nunca serán ás da súa irmán, que as damas da Congregación poucas veces van por elas mesmas a mercar, e as rapazas do servizo doméstico queren mellor unha peregrina que unha ascensión que non ten tal.

O día da inauguración do posto da tía Ascensión, sóubeno por Xulio, o carniceiro de Rebordechán que tiña un posto preto, a miña nai, posiblemente intentando recuperar a de tantos anos perdida relación, foi onde a súa irmá por desexarlle sorte na nova empresa que encetaba. Para escándalo da xente que alí e nos arredores estaba, a tía Ascensión despediu con malos modos á súa irmá, declarando, máis con berros que con verbas, que se equivocaba se viña a procurar á súa parte dos cartos da venda da Andoriña, que os cartos eran todos seus, que para iso estivera todos aqueles anos coidando do seu pai. E a miña nai, que non calaba a ninguén, rompeu naquela ocasión o seu costume, e todo o que fixo foi calar, virar as costas e volver ao seu posto sen ollar atrás.

E así pasaron os anos ata o día maldito no que, preocupado polo aspecto cansado, tan pouco habitual nela, que observaba na miña nai, ocorréuseme levala ao médico. Probas, temores e sospeitas confirmadas: a miña nai ten un cancro de útero nun estado bastante avanzado. Dos catro irmáns que somos Adelina é a que está máis lonxe: casou por poderes co seu noivo de toda a vida e marchou con el a Montevideo. Os xemelgos Froilán e Digna están en Baracaldo; el traballando en Altos Hornos de Vizcaya e ela ten unha taberna galega á que con estraño humor chama Bar “o Caldo”. A calquera de nós deixar durante un tempo que pode ser (e oxalá que o sexa) longo, suponnos un problema bastante importante. E como eu nese intre aínda descoñezo o enfrontamento das dúas irmáns o día da inauguración do posto, sen encomendarme nin a deus nin ao diaño voume onde a tía Ascensión e cóntolle o da súa irmá. Ascensión mírame de fite e ceiba toda a súa xenreira:

      Castigo de Dios! Xa o dicía o padre Parada: “a su tiempo su pie resbalará, porque el día de su aflicción está cercano, y lo que les está preparado se apresura”

      Pero que necidades estás dicindo? Estas falando da túa irmá!

      Fai anos que Peregrina e máis eu xa non somos irmáns!

      Vaia unha relixión que profesades! Pois non di no Evanxeo segundo Mateo que cando coidades a un enfermo calquera é como se o fixerades con Cristo?

       Pero se como dis a miña irmá ten cancro, podo contaxiarme!

      Contaxiarte? O único cancro contaxioso é o que tes ti, a maldade!

E alí rematou a conversa. Aquela marea non saín cos meus compañeiros. A disputa coa miña tía me puxera a min mesmo as cousas ben claras: tiña ocupacións moitísimo máis importantes que facer. A pobriña da miña nai morreu como vivira: rexa como un fuso e sen que ninguén lle escoitara nunca nin unha queixa. A tía Ascensión foise medio ano despois que a súa irmá dun cancro de páncreas.

E mire que lle digo don Manoel! Nesta ocasión vou tomar emprestado unha estrofa do poema que don Manuel Curros Enriquez dedicou ás nais:

Nai, adorada nai, mártir escura,

branca pombiña, arroladora e tenra,

ai, se souberas como me deixabas...

ai, non morreras.